Tuesday 23 de April de 2024

O Concello adxudica a segunda fase da reforma de San Agustín, que estará en obras a principios de ano para modernizar os accesos principais e os postos do mercado


Os traballos, cun prazo de execución de 5 meses, forman parte do plan de rehabilitación iniciado por Mercados en 2014 coa eliminación de barreiras arquitectónicas e a instalación de ascensores panorámicos

O Concello da Coruña informa de que se adxudicou o proxecto da segunda fase do plan de rehabilitación do mercado de San Agustín, polo que a praza de abastos estará en obras a principios de ano para continuar co proxecto de mellora e acondicionamento iniciado en 2014 pola Concellaría de Mercados que dirixe Luisa Cid.
O proxecto afectará aos accesos principais, aos baixos da planta soto e tamén a un dos dous illotes da froita que ocupa a zona central da primeira planta do mercado e que na actualidade a conforman nove postos (cinco dos cales están baleiros e que tras a reforma quedarán en seis).
A segunda fase do plan de rehabilitación do mercado de San Agustín adxudícase por 225.356,27 euros, o que supón un aforro do 18% é dicir, de máis de 55.000 euros con respecto ao presuposto de licitación. A obra, que executará Abeconsa, ten un prazo de execución de 5 meses e deberá comezar no primeiro trimestre de 2015.
Mellorar a estética do mercado é un dos obxectivos do proxecto, que actuará en tres zonas da praza de abastos. No que respecta ao vestíbulo ou entrada principal, a reforma consistirá en acondicionar este espazo de 300 metros cadrados para uso hostaleiro, xa que nunha terceira fase do plan de rehabilitación a zona se destinará a cafetaría e restaurante. O proxecto que agora se adxudica inclúe a recolocación dos catro postos que ocupan a entrada
(dúas panadarías, unha floraría e unha cantina), negocios que ocuparán postos baleiros da primeira planta e laterais exteriores do mercado.
Tamén se actuará no soto do mercado, de modo que o baixo que agora ocupa un ultramarinos destinarase a vestiarios, servizo moi demandado polos case 60 pracervos de San Agustín; e na primeira planta reformarase un dos dous illotes da froita, que terá postos máis amplos e modernos.

PERMANECERÁ ABERTO
As obras, tal e como precisa a concelleira de Mercados, Luisa Cid, realizaranse polas tardes e de forma gradual para entorpecer o menos posible a actividade da praza. Neste sentido, a edil indicou que o mercado continuará “aberto durante as obras”.
Os pracervos afectados polas obras, nove dos case 60 vendedores do mercado, serán recolocados noutros postos durante os traballos. No caso da froita, o traslado será temporal e volverán aos seus postos finalizada a reforma. No resto (panadarías, cantina e ultramarinos) habilitaranse postos alternativos debidamente reformados e modernizados.

TRES FASES
O proxecto de rehabilitación do mercado de San Agustín para adaptalo ás necesidades do século XXI consta de tres fases. A primeira fase executouse en 2014 e consistiu na instalación de dous ascensores panorámicos no acceso ao mercado pola rúa Pío XII e na eliminación de barreiras arquitectónicas, a construción de ramplas e a instalación de cortinas térmicas, actuacións que, ao igual que o resto, foron consensuadas previamente polos pracervos. O presuposto desta primeira fase ascendeu a 129.349 euros.
Unha vez executada a segunda fase, comezará a terceira e última fase do plan de rehabilitación, que se centrará en finalizar o acondicionamento da primeira planta e en actuar na segunda planta do mercado e no acceso principal ao mercado. En principio, a solución prevista é destinar o espazo de segunda planta a actividade hostaleira e cultural, aínda que tamén nesta actuación se buscará o consenso dos pracervos.